Biodiversidade
Vexetación
A vexetación da comarca do Ribeiro é o resultado dun microclima seco e cálido ao ser esta unha área de transición bioclimática. Durante o teu percorrido poderaste encontrar con especies perennes como a sobreira, o érbedo, o piñeiro, a xara ou a xesta branca. Tamén especies caducas como a abeleira, o carballo ou o castiñeiro. Entre as flores abundan os dentes de can, que florecen a principios da primavera.
Fauna
A diversidade de ambientes existente nesta zona dá lugar a unha gran riqueza faunística. Encontrarás especies como a píntega rabilonga, a víbora de seoane ou o lagarto verdinegro. Con respecto ás aves, poderás ver bubelas, petos, picanzos reais, cotovías pequenas ou papuxas montesas, miñatos ou gatafornelas. Entre a fauna desta zona destacan tamén diferentes tipos de bolboretas e outros insectos. Os mamíferos máis comúns son os lobos e os xabarís; as cabras montesas e os cabalos e vacas salvaxes do Curro do Faro das Laceiras.


