Ruta dos bolos

Esta ruta percorre a parte máis alta do municipio, onde se poden ver grandes formacións graníticas en forma de bolos que, sen dúbida, chaman a atención pola súa grandiosidade e a súa colocación desordenada en toda a serra.
PUNTO DE INTERÉS. O corno de pedra do Ribeiro.
O macizo granítico de Pena Corneira reúne un interese especial pola singularidade dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos, constituíndo un lugar moi atractivo para xeólogos de nivel internacional. En Pena Corneira atópase un espectacular "corno" de granito de dez metros en vertical, que dá nome a esta formación. O saliente álzase sobre outras grandes rochas para asomar íntegro entre a vexetación. Trátase do monumento natural (foi declarado en 2006) con maior extensión de Galicia. Conta cunha superficie aproximada de 998 ha.
Pena Corneira é, xunto ao Faro das Laceiras, un dos dous referentes visuais desde case calquera punto do val do Avia. A erosión descubriu estes penedos e moldeounos, salpicando os suaves outeiros dos innumerables "bolos" de granito, de formas redondeadas e de gran tamaño. Amontoados ou deixando corredores entre paredes pétreas. Ao longo da serra encontrarás moitas rochas de curioso aspecto ou combinación. Os veciños puxeron nome propio a varios dos bolos: Outeiro da campá (soa ao golpear a súa superficie), Outeiro dos forniños, Outeiro do lagarto (con forma de lagarto), Outeiro da bañeira do demo (dise que o demo se bañaba nela porque é moi grande).
O municipio que alberga unha maior superficie deste espazo natural protexido é o de Carballeda de Avia, seguido dos concellos de Leiro e Avión, todos na comarca do Ribeiro. Dende o punto de vista xeolóxico, trátase dunha prolongación ao noroeste da veciña serra do Suído, entre as concas do río Avia e do Miño. A súa orixe reside nunha masa plutónica batolítica de 18 km. en sentido meridiano e 7 km. en sentido suroeste-nordeste, froito dunha masa de magma que se solidificou a causa da estrutura profunda dun antigo volcán. Hai aproximadamente uns 300 millóns de anos.
A ruta empeza na base de Pena Corneira e remata na parroquia de Abelenda das Penas. Antes de encamiñarte polo sendeiro, podes subir ata as proximidades do "corno de pedra", tamén chamado o "menhir do Ribeiro", por un estreito camiño cuberto por unha bóveda vexetal de carballos. Só collen un par de persoas.
De volta no punto de partida, reserva un momento para ler os paneis informativos onde encontrar datos útiles que che axudarán a interpretar o que ves durante a camiñada. O sendeiro (ao igual que todos os da ruta) era un antigo camiño forestal, agora con base de lastre. Nalgúns tramos de forte pendente foi restaurado con pavimento de pedra para evitar que as chuvias o desfixesen.
O comezo da etapa pasa por enriba da parroquia de Faramontaos, onde verás algunhas casas case pegadas aos bolos. Dependendo do momento do día, podes encontrarte con veciños que dan o seu paseo diario por esta zona aproveitando a proximidade da ruta ás vivendas. O contorno é unha paisaxe de media montaña que conserva a súa cuberta vexetal autóctona exenta de especies foráneas.
Nos puntos con máis visibilidade, cara ao suroeste (SO), vese o Curro do Faro das Laceiras, situado a 18 km. de distancia e lugar de encontro do monte Faro e Suído.




