Ruta dos cabalos

Esta ruta avanza polas zonas máis elevadas de Carballeda de Avia polo que gozarás dunhas vistas espectaculares. Sen dúbida é unha galería cara ao Ribeiro. O final do camiño é o Curro do Faro das Laceiras, que toma o seu nome desta construción. O "curro" é un curral circular valado onde se gardan ou encerran temporalmente os cabalos que se crían no monte, así como a operación de marcar, separar e rapar aos animais; e a festa que se desenvolve arredor desta actividade.
O camiño comeza na aldea das Fermosas, punto de unión coa Ruta dos muíños. Despois de refrescarnos na fonte ao pé do sendeiro empedrado, comezaremos a subida cara ao curro que se encontra a 1.600 metros sobre o nivel do mar. Un tramo do traxecto, uns 2 km. aproximadamente, discorre por estrada asfaltada e o resto, por camiño de lastre entre montes de matogueira baixa.
PUNTO DE INTERÉS Cabalos e vacas deixan pistas do seu paso.
Se te fixas nas marxes do sendeiro poderás ver as pegadas dos cabalos e vacas salvaxes que viven nestes montes. Outra pista que deixan tras o seu paso son os restos de excrementos. As pisadas duns e doutras diferéncianse tanto polo seu tamaño como pola súa forma, sendo as dos cabalos máis pequenas. As primeiras horas da mañá é o mellor momento do día para ver as mandas. Lobos e cabras montesas son os outros habitantes desta zona polo que as súas pegadas tamén poden ser visibles nalgún punto. Máis discreto e silencioso, no ceo planeará o miñato. Para evitar que os cabalos e as vacas saian da zona delimitada para eles, nos puntos de entrada verás pasos canadenses. Esta barreira consiste nun foso cuberto con tubos metálicos separados entre si de modo que poidan pasar sobre eles os vehículos. O gando nin sequera o intenta porque metería as patas entre os tubos e ao pisalos, estes xirarían facendo caer aos animais.
En plena subida ao curro, e moi próximo ao fito quilométrico 11, encontrarás un banco no que vale a pena pararse a descansar un anaco para recrearse no silencio e contemplar as espectaculares vistas panorámicas: Carballiño, Cenlle (NO), a parroquia de Carballeda de Avia, as naves da cooperativa vitivinícola de Ribadavia, o azul do encoro de Castrelo de Miño, os montes tras os que se encontra a cidade de Ourense (NL); Arnoia, Melón, A Cañiza, os montes de Celanova e xusto detrás, outros en territorio portugués (SL). Dende aquí tamén se ve a Ruta dos bolos (N).
Na entrada do curro verás dúas áreas de descanso con mesas e bancos de pedra, unha moi próxima a unha carballeira e a segunda, debaixo dun bosque de piñeiros mansos. Esta última é unha especie protexida polo que, aínda que che chamen moito a atención, evita levar as súas pequenas pinas (miden entre 2-6 cm.). Outra especie moi abundante é a uceira (arbusto).
Nun dos extremos hai unha fonte de auga moi fría e cristalina e dous pozos artificiais que serven de bebedoiro para os animais e, en verán, de balsa habitual para os efectivos antiincendios.
O curro do Faro das Laceiras foi restaurado en 2006 xa que a construción orixinal se encontraba en moi mal estado. Cada primeiro domingo de setembro celébrase aquí un curro (o único da provincia de Ourense) e unha gran festa en honra ao cabalo organizada pola Comunidade de Propietarios das Laceiras coa colaboración do Concello. A xornada anterior, os propietarios dos equinos búscanos nos montes e lévanos ata as proximidades do cercado. O día da festa, donos e voluntarios (noutros lugares de Galicia chámanos aloitadores) separan, marcan e rapan aos cabalos. Durante toda a mañá hai compravenda de animais. A súa principal función é manter o monte limpo e a cría para consumo de carne.
Multitude de persoas reúnense durante todo o día neste lugar para sumarse á festa. A comida lévase da casa (non se permite facer lume) e tamén se instalan pulpeiras, postos de carne ao caldeiro, churrasco, etc. O último domingo de agosto os merendeiros tamén se enchen de vida cos asistentes á romaría da Xestosa que se celebra nunha capela próxima pertencente ao municipio de Covelo (provincia de Pontevedra).
No Faro das Laceiras únense os municipios de Melón, Avión, Carballeda de Avia e Covelo.





