Ruta dos muiños

Esta ruta é unha mostra do patrimonio etnográfico e histórico da comarca do Ribeiro. É a máis antiga das tres incluídas no programa Camiños Naturais, ademais da máis coñecida e próxima ao núcleo urbano de Carballeda de Avia. Ao longo do percorrido poderás apreciar un magnífico exemplo de conservación do patrimonio cultural e ambiental ligado ao aproveitamento da forza da auga, imprescindible para o desenvolvemento das sociedades rurais. A ruta está formada por un conxunto de 24 muíños restaurados entre 2007 e 2009 con fondos europeos, dous talleres de emprego e fondos propios do Concello.

Os 7,2 quilómetros do percorrido están divididos en seis etapas:

Punto de partida: Área recreativa de Veronza
A ruta arranca na aldea de Veronza, onde se atopan os 5 primeiros muíños do conxunto. Un deles singularízase fronte ao resto xa que foi un serradoiro utilizado durante anos polos veciños ata a primeira metade do século XX. A boca da canle de auga, en forma de torre, aberta e circular, é diferente á do resto de muíños e estaba pensada para facer funcionar a maquinaria. A auga baixaba polo conducto de pedra e almacenábase ata superar a cavidade. Logo deixábase caer de golpe para mover a serra.



Os muíños desta zona constitúen un exemplo do aproveitamento tradicional dos ríos. Dous deles aínda funcionan e previo aviso ao Concello de Carballeda de Avia, pódese organizar unha demostración en vivo.

Á beira do río Maquiáns, e á sombra das árbores, encóntrase unha área recreativa e de descanso.

A Ruta dos muíños transcorre pola zona denominada "Sobreira Cabada", cun microclima particular e onde se poden encontrar numerosos viñedos de gran calidade. Situada na aba dunha montaña, está protexida das xeadas e orientada ao sur. Ao recibir sempre os raios do sol, a uva alcanza unha alta graduación. Outra zona de bo viño dentro do municipio é a de "Costeira".



2ª etapa: Bullón e Trigás
O muíño de Trigás conta con 300 anos de historia, o que o converte no máis antigo da bisbarra. Posúe un elemento diferencial que permite identificalo facilmente: o seu teito de granito, un material moi abundante nestes montes. A utilización deste recurso na construción deste muíño dá conta da importancia da explotación da pedra nesta zona.



3ª etapa: Abelenda das Penas
A parroquia de Abelenda reúne tres muíños restaurados recentemente, dous deles de gran tamaño, xa que contiñan 2 pedras (moas) para moer o gran.

Neste lugar tamén podemos encontrar dolmens prehistóricos, así como unha boa parte do patrimonio histórico do municipio en dous xacementos da época castreña: o Coto da Cidá e o Coto de Mouros.

Outros puntos de interese nesta etapa son a igrexa románica de Abelenda, pertencente á Orde dos Templarios; un cruceiro do século XVII e un conxunto de hórreos (eira de “canastros”).


4ª etapa: As Fermosas

Atravesando as aldeas deshabitadas de Sariñás e Xunqueira chegaremos ás Fermosas. Antes de entrar na aldea, a ambos os dous lados do río Maquiáns encóntranse cinco muíños rehabilitados no ano 2009 por un taller de emprego municipal. A dous deles accédese desviándose á dereita do sendeiro principal e atravesando unha pequena ponte de madeira baixo a sombra dos bidueiros.

Os outros tres muíños encóntranse no lado contrario do regato, rodeados de árbores autóctonas e abundantes fentos reais. Destaca a súa situación para aproveitar a escarpada orografía do terreo. Todas as construcións están abertas para poder pasar ao interior e ver a "moa". Xusto na entrada do camiño que conduce a este conxunto, pódense ver dous enormes carballos centenarios ocos por dentro.

Neste punto comeza a serra de Pena Corneira, que se estende cara ao punto máis alto, do mesmo nome, polo noroeste. O lugar exacto está marcado cun indicador.

Ao chegar á aldea das Fermosas hai un tramo de camiño empedrado que se desvía ao Curro das Laceiras e nun lateral deste, unha fonte pública onde repoñer forzas e un miradoiro con “canastros” (hórreos).


PUNTO DE INTERÉS. Unha axuda para cargar os sacos.
Fíxate na fachada dos muíños. Nalgún deles, sobre o lintel da porta poderás ver un símbolo que representa a marca da familia propietaria ou o ano de construción. A maioría dos muíños son de principios do século XIX aínda que hai algúns anteriores e posteriores á data. Ademais, nun lado da porta, e máis ou menos á altura dos ombros, verás tamén unha pedra saínte. Esta servía para apoiar os sacos de fariña recén moída e cargalos con máis comodidade para o seu transporte.




5ª etapa: Vilar de Condes
Vilar de Condes é un punto destacado polo seu patrimonio natural e arquitectónico. No seu ámbito natural pódense ver castiñeiros, carballos  e outras especies de vexetación autóctona. Para chegar ata aquí, despois de abandonar o sendeiro de lastre, hai que seguir o camiño pola estrada asfaltada.

Neste lugar encontramos dous muíños preto dun núcleo de casas. Dende o segundo deles pódese contemplar o val de Carballeda de Avia, os bolos graníticos e a igrexa de Vilar de Condes.

Se nos achegamos á parroquia de Vilar de Condes poderemos visitar un conxunto de 13 hórreos (eira de "canastros"), propiedade de 22 veciños. Os hórreos foron restaurados recentemente con fondos públicos. Están situados sobre unha "laxa" de pedra onde antigamente se mallaba o centeo e o trigo, que logo se gardaban dentro dos hórreos xunto coas patacas e as ristras de millo.


PUNTO DE INTERÉS Unha poza de rego convertida en piscina natural.
Chama a atención un dos muíños, incrustado nunha lousa de pedra, e xusto en fronte da que foi unha poza de rego para as terras dos arredores. O pozo reconverteuse nunha piscina natural que na época do verán se limpa e enche de auga. Veciños e xente dos arredores adoitan acudir a este lugar para bañarse e pasar unha tranquila xornada estival. A poza é un lugar moi seguro para o baño xa que a máxima altura da auga apenas supera os cincuenta centímetros. Na entrada da área hai unha réplica en miniatura do muíño principal.




Última etapa: Saá e Vilariño

As aldeas de Sáa e Vilariño albergan muíños escondidos baixo árbores autóctonas. Os muíños desta ruta están perfectamente restaurados, tanto por fóra coma por dentro, e conservan todos os útiles necesarios para moer o gran.

Un deles destaca polo seu teito de granito e pola pedra de moer que hai na fronte da construción.

Os muíños de Vilariño están situados nun enclave perfecto para gozar da natureza.